Activity

13. Chaín. De Santa María á Mourisca

Download

Trail photos

Photo of13. Chaín. De Santa María á Mourisca Photo of13. Chaín. De Santa María á Mourisca Photo of13. Chaín. De Santa María á Mourisca

Author

Trail stats

Distance
3.2 mi
Elevation gain
463 ft
Technical difficulty
Easy
Elevation loss
463 ft
Max elevation
728 ft
TrailRank 
37
Min elevation
315 ft
Trail type
Loop
Time
one hour 24 minutes
Coordinates
115
Uploaded
November 8, 2018
Recorded
October 2018
Be the first to clap
Share

near Vilaza, Galicia (España)

Viewed 224 times, downloaded 13 times

Trail photos

Photo of13. Chaín. De Santa María á Mourisca Photo of13. Chaín. De Santa María á Mourisca Photo of13. Chaín. De Santa María á Mourisca

Itinerary description

A primeira noticia desta parroquia, aínda que non como tal senón integrada ou baixo xurisdición de Morgadáns, dáa un documento de 1156 no que referíndose a esta última a cita baixo advocación de Santa María, ou sexa, a de Chaín, non citada explicitamente. Algo despois, en documentos de finais do XII vólvese citar un castelo roquedo en Morgadáns que hoxe sabemos se emprazaba no Coto do Abade, en Chaín. Será a partir da segunda metade do século XIII cando o topónimo aparece nomeado explicitamente. Na segunda metade do século XIII o mosteiro cisterciense de Oia tiña propiedades na parroquia que permuta en 1266. A principios do século XIV, en 1303, exercía xurisdición sobre o couto de Chaín, no cal mantiña notable cabana de ganado maior.
Durante o percorrido atoparemos dous locais onde repoñer.

Waypoints

PictographWaypoint Altitude 413 ft
Photo ofIgrexa de Santa María. Adro e recinto de festas

Igrexa de Santa María. Adro e recinto de festas

Igrexa. Nada se sabe da fundación da igrexa. Só o libro de bautizos nos asegura a súa existencia a inicios do XVII, se ben a súa procedencia o máis probable é que sexa medieval. En todo caso, nada queda do primitivo templo. O actual é unha reconstrución, posiblemente integral, de mediados do XIX, segundo consta nunha lenda da fachada occidental: REEDIFICADA EN 1860/ABAD D. MANUEL ANT./ALVARES NAT. DE TUI. Trátase dunha edificación de planta rectangular onde a ábsida exteriormente só se detecta pola súa maior altura. Interiormente a nave e o presbiterio, de igual anchura, quedan separados por un arco de medio punto directamente apoiado sobre pilastras. A fachada de acceso está enmarcada por dúas pilastras rematadas en senllos pináculos asentados en molduras curvas que soben ao pé da espadana de dobre van e un só corpo como remate da composición. Posteriormente engadiuse un segundo corpo en ladrillo revestido e tratado a imitación de pedra. A composición inicialmente lineal da planta viuse modificada coa incorporación de dúas pezas na cara meridional: unha para capela e a outra para sancristía. Toda a igrexa foi construída seguindo un levísimo gusto barroco. No interior conserva a pía bautismal do antigo templo. Adro e recinto de festas. Cada un forma un espazo pechado en se mesmo mediante murete de granito e ocupa un bancal a distinta cota. O adro, coa igrexa, ocupa o de maior altura, ao que se chega mediante unha escalinata pétrea dende o recinto de festas. Á súa vez, a este, tamén se chega dende o antigo camiño que baixaba á Paradela de Gondomar a través dunha ben integrada escalinata de dous tramos en L que se apoia nos distintos muros de contención executados en granito. Un ordenamento territorial procedente con toda seguridade da Idade Moderna que está entre os máis atractivos do municipio para os referidos ás igrexas matrices.

PictographWaypoint Altitude 344 ft
Photo ofCemiterio

Cemiterio

Substituíu o que ocupaba o adro e interior da igrexa. Construíuse a partir de 1927 segundo proxecto redactado polo arquitecto Jacobo Esténs Romero, antes da apertura da actual estrada de Gondomar a Chenlo. Foi un recinto rectangular, pechado por muros de cantería, ao que se chegaba dende o arranque da escalinata de subida á igrexa a través dun escuálido camiño controlado nese punto mediante unha cancela metálica. Xa nas inmediacións do recinto, obrigado pola topografía, baixa unha curta escalinata pétrea. Atravesada a reixa de forxa, unha humilde capela á esquerda e outra edificación de volumetría similar e cuberta a dúas augas, nacida como sala de autopsias, á dereita. Polo demais un único panteón de pequenas dimensións e arquitectura ecléctica situado case fronte á porta de entrada, arrimado ao muro contrario, e algunhas columnas, poucas, de nichos de época arrimadas aos muros este e sur. O resto era sepulturas en terra que nestes últimos corenta ou cincuenta anos cederon o seu posto a descontroladas colmeas de nichos sen valor estético nin construtivo. O primitivo recinto dispuxo dun pequeno cemiterio para disidentes da relixión católica situado no ángulo nordés, xusto ata a cabeceira da capela. A este recinto accedíase por unha cancela metálica enfrontada á escalinata de baixada ao recinto principal. Este apéndice foi engulido pola ampliación, aínda perfectamente detectable, levada a cabo na década dos oitenta.

PictographWaypoint Altitude 394 ft
Photo ofCasa do Leitos

Casa do Leitos

Os terreos desta casa víronse afectados pola construción da estrada Gondomar-Chenlo na transición das décadas do trinta ao corenta do século pasado. É unha das chamadas Casas Grandes da parroquia, posiblemente da modalidade "de curas". Non ten brasón heráldico pero conserva unha atractiva portada ameada sobre cornixa e un notable patín cuberto, actualmente tratado con pouco acerto, orientado a poñente. Na fachada norte, a que miraba ao camiño principal antes de que se abrise a citada estrada, tiña un corredor tamén cuberto. Está bastante intervida.

PictographWaypoint Altitude 394 ft
Photo ofA Presa.

A Presa.

Este embalsado de auga con fins agrícolas rematou por converterse en topónimo. Recibe o caudal, durante a noite, a través do Regueiro que pasa por Chins, procedente da presa da Liña de Cans. É unha presa de vinte e dous días, isto é, tarda ese tempo en cubrir un ciclo completo regando as leiras que lle corresponde dende o inicio na máis afastada, emprazada en Zapa. Estes ciclos comezan a principio de xuño e rematan o oito de setembro. Esta presa é complemento para as terras baixas da de Rogodagua, de vinte e cinco días.

PictographWaypoint Altitude 417 ft
Photo ofO Pedrouco

O Pedrouco

Este topónimo aparece citado nun documento de 1304 por medio do cal o mosteiro de Oia merca parte dunha casa e a viña do Toural, en Chaín. Pequeno grupo de casas tradicionais, algunhas baleiras e abandonadas pero conservando toda a esencia vernácula, outras reformadas case sempre con pouca fortuna, rodeadas de interesantes hórreos e outras edificacións secundarias. Tamén existe algunha pequena adega escavada directamente na terra cara ao camiño. Ao paso podemos ver solucións tradicionais no referente á ordenación territorial como escaleiras para comunicación de socalcos, emparrados e canalizacións de auga.

PictographWaypoint Altitude 308 ft

Camiño vello á vila polas Fundas do Picoto

Este camiño en sentido de baixada arranca no barrio do Fouco facendo encrucillada co que pola Torre sobe de Gondomar a Morgadáns pasando por Xende. Despois de cruzar Pintor, a parte baixa de Igrexa, A Presa, O Pedrouco e A Brea entra na faldra sur do Picoto por onde As Fundas de Sarmento, isto é, parte da área da mina de ouro romana a ceo aberto, para chegar a Gondomar pola parte alta de Ripote dende onde baixa a Igrexa.

PictographWaypoint Altitude 364 ft

New waypoint

PictographWaypoint Altitude 364 ft
Photo ofAntigo camiño da Paradela.

Antigo camiño da Paradela.

Este camiño baixaba e, aínda estando algo descontrolada a vexetación, segue baixando ata A Paradela de Gondomar atravesando o monte O Picoto. A partir de Cortiñas, en Chaín, dá continuidade ao que dende o medievo baixa do Padrón.

PictographWaypoint Altitude 404 ft
Photo ofCapela da Virxe da Soidade

Capela da Virxe da Soidade

Foi fundada por Francisco Ferreira de Castro, abade de Cabral, no século XVII e formou parte do morgado de “Torrequemada”. Ante o presbiterio consérvase a tumba do fundador selada por un escudo coas insignias dos Castro. A mediados do XVIII era o seu capelán o presbítero de Chaín Fernando Troncoso y Acuña. Antes, en 1730, a súa irmá Teresa casaría nesta capela con Julián Méndez. En 1862, unha vez abolidos os morgados, foi adquirida polo médico de Gondomar Manuel Moreira Alonso. Sería o seu fillo Dámaso, tamén médico, quen a reconstruiría no ano 1900 conferíndolle o aspecto actual. Na primeira metade do XX, ante ela celebrábase a romaxe e festa na honra á Virxe da Soidade cuxa última edición tivo lugar na década dos corenta. No adro tamén existiu un campo de birlos celta.

PictographWaypoint Altitude 404 ft
Photo ofPazo da Mourisca

Pazo da Mourisca

A propiedade xa se coñecía no XVII como “Torrequemada”. Na base da cruz sobre o lintel do portal ameado de acceso parece dicir 1628. En 1713 Pedro de Castro Ferreira Ulloa y Taboada, sobriño de Francisco Ferreira de Castro enterrado con este na capela da Soidade, fai testamento no que di que o seu tío deixara o lugar de “Torrequemada”, que incluía casa de planta alta, adegas, cociña, lagares, cortes, palleiro, a capela da Soidade, terras, froiteiros e demais. O tal Francisco fundara un morgado sobre estas propiedades. Nos escudos do portal aparecen as armas dos Castro, Pereira, Vázquez e outros. A casa foi reconstruída tras un incendio. Ten planta rectangular cunha pequena extensión a nacente na metade norte. A devandita extensión acolle o patín principal (hoxe tapiado) que chega á planta nobre dende un patio pechado por muro de contención de terras. Dende a parte superior deste muro arranca un segundo patín secundario e descuberto que daba acceso á zona de cociña. Conserva unha notable solaina con cuberta sobre columnas na fronte sur do primeiro piso. Tamén unha voluminosa e sinxela cheminea de pedra no ángulo nordés.

PictographWaypoint Altitude 371 ft

Camiño de orixe medieval

Camiño da Paradela que por O Picoto chega a Cortiñas. Logo, xa se dixo, deixando As Covas á súa esquerda, pasa pola Mourisca, pola parte alta da Senra, polo Couto, Paraboa, Faxide e chega ao Padrón onde se divide en dous: á esquerda, co pavimento lousado de pedra, o que comunica con Pego Negro; á dereita o que continua en dirección a Regodagua. Parte deste camiño aparece citado como límite entre as parroquias de Chaín e Vilaza nun documento de 1106.

PictographWaypoint Altitude 623 ft
Photo ofO Padrón

O Padrón

Aínda que os veciños se refiren a el como cruceiro, este do Padrón non pasa de ser unha simple cruz alta ancorada na parte superior do murete de pedra que delimita o camiño. Igual que tantas veces no municipio a confusión no nome vén dada porque a vertente antropolóxica de ambas as dúas pezas, cruz alta e cruceiro, circunstancia de máximo interese para o campesiñado, coincide, sendo máis económica a execución da primeira. Dende os primeiros anos do presente século fáltalle a peza de remate que engloba brazos e cabeceiro; custódiaa unha casa veciña. É unha cruz de encrucillada. Fronte a ela, ao pé do muro que delimita o lateral dereito do vello camiño que baixa a Pego Negro, consérvase o marco xurisdicional da Idade Moderna que pasou nome ao lugar: O Padrón.

PictographWaypoint Altitude 607 ft
Photo ofCoto Espiñeira

Coto Espiñeira

Á marxe esquerda do camiño que conduce a Regodagua emprázase este coto no que se empraza un castro sen escavar. Consta dunha acrópole rochosa orientada a sueste e dúas terrazas de suave pendente orientadas a noroeste. Segundo os restos cerámicos recollidos en superficie, algúns arqueólogos entenden que o seu hábitat se prolongou ata o medievo. Actualmente a vexetación incontrolada non permite contemplar con claridade a súa morfoloxía.

PictographWaypoint Altitude 673 ft

Muíño hidráulico de Regodagua

Por debaixo da presa de regadío inda se manteñen os restos deste interesante muíño. Máis arriba existiu outro da mesma familia ao que se coñecía como o da Mineira, porque preto vivía unha muller que segundo nos contaron exercera estas funcións. Ambos os dous eran de maquía. O de Regodagua foi de cubo de sección circular, aínda conservado, ao que chegaba a auga a través dunha canle de granito elevada sobre piares de pedra da cal a penas quedan restos, e dunha moega. Ten cuberta a dúas augas e ha de destacarse o bo traballo de cantería das capias, dos pinchos e o beirado resolto ao xeito de Morgadáns. Consiste nunha cornixa pétrea que funciona como pingadeira ao quedar retrasada a tella. Deste modo consegue maior estabilidade e superior defensa ante o vento.

PictographWaypoint Altitude 604 ft

Petróglifo de Regodagua

Fronte ao muíño, na outra beira da estrada existe un camiño que habemos de tomar para chegar á estación de arte rupestre. Ao chegar á primeira bifurcación tomaremos o camiño da esquerda sen abandonalo ata que a esa mesma man apareza un gran outeiro de granito de caída vertical sobre o carreiro. Á nosa dereita un notable carballo. Na cara inclinada superior do outeiro consérvase un importante gravado da Idade de Bronce, segundo deixou escrito algún arqueólogo, duns 2,20x1,80 m. Trátase dunha composición abstracta a base de círculos e coviñas (cazoletas máis ou menos pequenas e profundas) atados mediante liñas.

PictographWaypoint Altitude 699 ft

O Coto da Moura.

Para visitar esta singular estación rupestre haberemos de apartarnos por un momento minimamente da ruta. Cando á esquerda do camiño asfaltado vexamos un peche executado con grandes bloques de granito Rosa Porriño tomaremos a senda de terra para internarnos no monte deixándoo á nosa esquerda e camiñaremos uns 150 m. Aí atoparemos os restos dun antigo peche de delimitación de terreos e atravesarémolo xirando á esquerda. Despois de camiñar outros 150 m. aproximadamente, entre eucaliptos e piñeiros, veremos unha notable elevación granítica: o Coto. Trátase dunha importante e moi curiosa estación arqueolóxica a cuberto. Baixo unha gran rocha natural furada consérvanse dous muíños naviculares e un petróglifo. No exterior vólvense repetir os muíños e un petróglifo serpentiforme. A cavidade interior ten capacidade para tres persoas. Sobre este tipo de muíños dáse información na ruta ARQUITECTURA MILITAR E ARTE RUPESTRE NO GALIÑEIRO. Este coto ao que se coñece con outros sinónimos tales que A Pedra do Corazón e Coto Furado é recollido no Catastro de Ensenada (1753) co nome de Pedra Furada como marco entre as parroquias de Chaín e Vincios. A uns 200 m. en dirección noroeste aparece outra elevación rochosa denominado Pedra Cabada na que existe un gravado rupestre abstracto formado a base de liñas curvas en torno a un núcleo pechado cheo de coviñas. Alcanza unhas medidas de 1 por 1,50 m. aproximadamente.

PictographWaypoint Altitude 705 ft

Petróglifo do Morxón

Unha vez pasado o campo de fútbol da Gándara, á marxe esquerda da estrada emprázase esta estación arqueolóxica que engloba varios petróglifos. Dous dos máis importantes ocupan a parte alta dunha rocha duns 6 m. de longo, 3 m. de ancho e 4 m. de altura e outra a rentes de terra, de 4x2,50 m. situada algo máis ao norte. Ambos os dous gravados rupestres son abstractos e ao igual que o de Regodagua forman paneis a base de círculos, liñas e coviñas. É importante que a luz sexa o máis rasante posible para que mediante as sombras se pronuncien os erosionados sucos gravados na pedra e dese modo poidamos ver, aínda sexa parcialmente, a composición.

PictographWaypoint Altitude 541 ft

Eira de Cidáns.

Lugar comunal que en tempos serviu, entre outras varias funcións, para reunir pola mañá temperán aos rabaños de ovellas das distintas casas da parroquia que logo un ou dous homes subían ata O Caldeirón, ao pé do Galiñeiro, para pastorear. Cando baixaban á noite xa estaban a esperar os distintos propietarios. Esta tarefa era rotatoria. Ata hai poucos anos tamén se utilizou como punto de encontro dun rito relixioso efectuado con motivo da procesión do día de conmemoración das Mercés que tras anos sen celebrar se recuperou este 2018.

PictographWaypoint Altitude 541 ft

Capela das Mercés

Non se coñece a data de fundación. Tampouco está claro se en orixe sería unha capela ou unha ermida. Só se sabe que a mediados do XIX era propiedade do abade Manuel Antonio Álvarez que en testamento datado en 12 de marzo de 1866, xa abolidos señoríos e morgados e practicadas todas as desamortizacións, doa a capela e terreo circundante á parroquia. Segundo isto podería pensarse que naceu a consecuencia da fundación dunha capelanía a cal a esa altura xa perdera a súa dotación e o poder recadador. Tras detida observación da fábrica pódese afirmar que a nave sufriu unha ampliación ou reconstrución, con posible desprazamento da cornixa, e o tapiado de dúas pequenas ventás en senllos muros laterais. A ábsida actual é posterior á nave. E a pedra da espadana e os remates, que parecen da mesma calidade e gran fino, é diferente á do resto da edificación. Por último comentar que o tipo de pedra dos dous escudos de armas que aparecen na fachada occidental é distinta das dúas citadas anteriormente. Entre as insignias mostradas por estes brasóns, cuxa colocación no muro parece algo artificiosa, están as dos Castro. Recentemente, a principios de milenio, a capela foi sometida a novas obras de reforma. Ocupa un lugar de amplas vistas en dirección sur ao que se chegaba por unha serpeante escaleira pétrea dende A Fonte da Santa. Todo o recinto polos laterais sur e oeste, os de maior desnivel, están pechados por muretes de pedra. Dende hai décadas a citada fronte sur está parcialmente ocupada por un palco que xa hai tempo debeu desaparecer. Pola contra, ao seu lado un magnífico carballo dá complemento de sombra aos falsos plátanos que aínda quedan.

PictographWaypoint Altitude 541 ft
Photo ofCruceiro das Mercés.

Cruceiro das Mercés.

Emprázase no Coto das Mercés, en Cidáns. Tamén se coñece como Cruceiro da Santa e Cruceiro da Piedade, ambos os dous con seguridade a partir do momento en que se incorpora a peza escultórica da plataforma. Actualmente, debido aos movementos de terras realizados ao longo do tempo no ámbito, a localización mostra acrecentada a dificultade de acceso que, entendemos, non debe ser compensada. É unha peza completa, a excepción de capitel, cuxas características máis distintivas, ademais da localización, son a peculiar imaxe de conxunto e o citado grupo escultórico da base. O primeiro vén dado polas proporcións, sobre todo do varal, que a media altura presenta unhas moi desgastadas caveiras nas catro arestas redondeadas. O segundo é o reverso dunha cruz dun antigo cruceiro, unha Piedade, á que lle segaron os brazos para realzar a imaxe mariana. Como consecuencia do intento de roubo desta imaxe a finais dos anos setenta o Cristo morto abrazado pola Virxe perdeu a cabeza e os veciños decidiron ancorar a peza á plataforma. O estado erosionado dos chanzos, pedestal e varal, principalmente, falan da súa antigüidade que podería chegar a principios do XVII. Fronte á fachada setentrional da capela existe outro cruceiro máis moderno.

PictographWaypoint Altitude 479 ft

Coto do Abade

Ao pé deste coto, pola cara sur, emprázanse as ruínas da antiga reitoral da parroquia. No cume restos arqueolóxicos do asentamento do medieval castelo rochedo de Morgadáns; só uns desbastes na rocha natural para asento dos desaparecidos muros. As vistas e o control territorial son de consideración. Ás terras deste castelo faise alusión en dous documentos dos séculos XII e XIII.

Comments

    You can or this trail