Activity

15. Peitieiros. Da parroquial a Piñeiro e ao Curuto

Download

Trail photos

Photo of15. Peitieiros. Da parroquial a Piñeiro e ao Curuto Photo of15. Peitieiros. Da parroquial a Piñeiro e ao Curuto Photo of15. Peitieiros. Da parroquial a Piñeiro e ao Curuto

Author

Trail stats

Distance
2.69 mi
Elevation gain
312 ft
Technical difficulty
Moderate
Elevation loss
312 ft
Max elevation
463 ft
TrailRank 
49 5
Min elevation
124 ft
Trail type
Loop
Time
one hour 35 minutes
Coordinates
67
Uploaded
November 9, 2018
Recorded
February 2018
  • Rating

  •   5 1 review
Share

near Peitieiros, Galicia (España)

Viewed 535 times, downloaded 20 times

Trail photos

Photo of15. Peitieiros. Da parroquial a Piñeiro e ao Curuto Photo of15. Peitieiros. Da parroquial a Piñeiro e ao Curuto Photo of15. Peitieiros. Da parroquial a Piñeiro e ao Curuto

Itinerary description

Parroquia de Peitieiros, situada ao leste do municipio, nas abas da Serra do Galiñeiro, xa en dirección ao Monte Aloia. O Percorrido levaranos ata algúns dos lugares e arquitecturas historicamente máis importantes da parroquia se ben, ha de recoñecerse, parte delas, principalmente no apartado das Casas Grandes, cun grao alto de degradación.
Durante todo o percorrido só nos atoparemos co Centro Cultural da parroquia como local de asistencia.

Waypoints

PictographWaypoint Altitude 390 ft
Photo ofIgrexa de San Miguel

Igrexa de San Miguel

No interior localízanse varios perpiaños con marcas de canteiro que poderían ser testemuño dunha procedencia medieval, se ben é certo que este tipo de marcado do traballo en pedra se seguiu utilizando, con símbolos máis sinxelos e máis xeométricos, durante parte da Idade Moderna. Tamén na reconstruída portada principal existen restos románicos de orixe incerta. Antes da reconstrución, alá polos anos corenta do século pasado, a fachada, seguramente outra reconstrución do XIX, rematada en dobre espadana, tiña como porta un sinxelo paso rectangular sen o máis mínimo vestixio románico; logo, entra dentro do posible pensar que estes restos puidesen proceder de material almacenado a raíz dalgunha reforma anterior, quizais esa do XIX, reafirmando deste xeito a orixe medieval do templo; algún autor sitúao no XII. Aínda así, fontes orais da parroquia atribúen estes restos á portada da ermida de Santa María do Crasto, que en tempos parece existiu no Curuto, lugar que visitaremos nesta ruta; nada hai confirmado pero a dimensión das arquivoltas parece excesiva para a portada dunha pequena ermida. Outras fontes asignan esa mesma procedencia á peza que cobre o tímpano da actual portada, unha representación do Calvario con Cristo crucificado no centro e a Virxe e San Xoán nos extremos. En todo caso, unha parte importante da fábrica da actual igrexa, entre as que se contan as capelas do cruceiro e a maior coas súas bóvedas graníticas, é de traza barroca, pode que do XVIII conservando tamén no interior manifestacións artísticas dese período, das cales a cruz procesional, restaurada en 1742, e o retablo da Virxe do Carme son as de maior categoría. É destacable a solución dada á capela maior ou ábsida, con máis altura que a nave e tamén cun bo traballo de cantería, que dalgún xeito a emparenta coa igrexa de Mañufe. As cornixas dos brazos do cruceiro e da ábsida son todas distintas, circunstancia que debe entenderse como correspondente a distintas etapas de construción. A torre e campanario corresponden á reconstrución da fachada que unha galerna obrigou a realizar no XX.

PictographWaypoint Altitude 390 ft

Reitoral e campo vello da festa.

Á parroquial de Peitieiros, de igual xeito que ás de Borreiros e Gondomar, accedeuse historicamente dende o nacente. Só a partir do momento en que se abre a estrada de Gondomar ao barrio da Area muda a xerarquía territorial nesta de San Miguel. A pequena praciña triangular creada entre a fachada da reitoral e os muros de peche do antigo cemiterio perimetral á igrexa foi lugar de reunión parroquial e campo de festas ata que coa construción do novo cemiterio van cambiando de uso os antigos campos de cultivo ante a fachada occidental da igrexa, tras a apertura dun mínimo sendeiro recto de porta a porta, rematando por converterse no novo torreiro con palco de música, hoxe desaparecido. Este lugar de encontro e os altos décimos que ingresaba a parroquial é o que xustificou a monumentalidade e o carácter urbano da fachada da reitoral; a máis importante dende o punto de vista arquitectónico do municipio inda que desgraciadamente mutilada por unhas desafortunadas reformas. Unha obra que forma parte das Casas Grandes do municipio. Unha edificación de filiación barroca que mostra como elementos máis destacados esa composición simétrica iniciada cun primeiro corpo central con dúas ventás de altura total, actualmente modificadas. Este corpo remata en pronunciada cornixa baixo beirado de tella; na planta baixa as adegas. A devandita cornixa continua, en pendente, sobre as dúas adicións laterais. Esta fachada queda aliñada co muro de pedra que pecha as que en tempos foron terras do igrexario. Neste muro, á dereita da casa segundo se ve, dous ocos: unha porta e un portal. Este dá directamente ao terreo da casa da que arrancan dúas escaleiras de acceso ao piso superior. Á porta chégase despois de subir sete chanzos con acceso por tres lados. O de remate ten planta cadrada a xeito de patamal que atravesa a porta e esténdese pola cara interior do muro para recoller unha das dúas escaleiras citadas anteriormente. Dende este punto continua a escaleira principal ata o primeiro andar. O portalón citado pecha superiormente en lintel rematado en cruz e pináculos; a porta en frontón triangular rematado en capia con moldura baixo a que aparece un aditivo vexetal que lembra unha flor de lis. A casa foi baleirada interiormente e intervida incorrectamente. Ancorada ao muro de peche da reitoral pero con acceso dende o recinto que rodea a igrexa existe unha pequena edificación con cuberta a dúas augas, a casa de novenas, que no lintel da porta ten gravado: HIZO ESTA OBRA . D RAFAEL ĐLPESO . ABBAD . D . ESTA FRA AÑO . Đ . 1730

PictographWaypoint Altitude 354 ft
Photo ofCemiterio indiano

Cemiterio indiano

Na outra beira do actual torreiro, no cal se conservan restos dunha obra do arquitecto Carreira Montes que aínda sendo seleccionada para a Bienal de Arquitectura de Venecia do ano 2.000 é de ingrato recordo para a parroquia, levantouse a principios do XX un cemiterio hixienista para substituír os enterramentos do interior da igrexa e do adro. Tras o muro que circunvala o primeiro recinto consérvase, entre outros, un panteón do XIX, da familia de la Fuente, posiblemente trasladado dende o antigo cemiterio, algunhas pezas de arquitectura mortuoria indiana en estilo ecléctico con reminiscencias modernistas entre as que destaca a da familia Cambra e a maior concentración do municipio de tapas de nichos resoltas en granito do país abuxardado resistindo a espantosa moda de brillos en pedras e aceiros pulidos que todo o invaden. Os indianos, emigrantes ao continente americano a finais do XIX e principios do XX que conseguiron facer fortuna, foron unha das fontes básicas para a construción do novo cemiterio segundo certifica a lenda que se conserva baixo o remate triangular do portalón de acceso: CEMENTERIO CATOLICO ERIJIDO POR SUSCRIPCION POPULAR DE LOS VECINOS RESI DENTES EN MONTEVIDEO Y CUBA Y DE ESTA PARROQUIA Đ PEITIEIROS 1 DE ENERO Đ 1905

PictographWaypoint Altitude 354 ft
Photo ofCruceiro de Canelas

Cruceiro de Canelas

Este cruceiro, agora situado en Canelas, é o que antigamente estivo situado no lugar do mesmo nome, O Cruceiro, dentro do barrio de Peroleira. Dende alí fora trasladado a un lugar próximo á porta do cemiterio cando os veciños decidiron construílo no lugar que agora ocupa. Posteriormente, no primeiro terzo do XX, con motivo do trazado do camiño, hoxe asfaltado, que une Gondomar co barrio da Area, vólvese cambiar de sitio á súa posición actual, nun terreo cedido con fins comunais de superficie abonda para a circulación do carro de froitos de San Miguel canda a festa que se celebra na súa honra no mes de Setembro. Na década dos cincuenta do pasado século a cruz desequilibrouse accidentalmente e fíxose anacos polo que o abade da parroquia decidiu encargar outra que a substituíse. O elixido para esculpila foi o escultor Camilo Nogueira. A antiga cruz, gardada durante case cincuenta anos, unha vez restaurada por Bienvenido Besada, colocouse en 1999 no actual recinto de festas, rematando por compoñer o restaurador con pezas atopadas o chamado Cruceiro Abalado.

PictographWaypoint Altitude 180 ft
Photo ofPazo de Troncoso

Pazo de Troncoso

Esta casa, en tempos cabeza de morgado, debeu ter unha imaxe potente na paisaxe que hoxe non conserva. Aínda recordamos cando hai uns vinte anos recollendo datos de campo para unha publicación localizamos dous dos pináculos de remate dos esquinais do tellado, duns dous metros de lonxitude, desmontados ao pé do patín. O propietario valorábaos en 10.000 Ptas. da época, por peza e, polo que se ve, atopou comprador. Hoxe o pazo non conserva un sentido de unidade debido ás múltiples segregacións de herdanza producidas a consecuencia da abolición dos morgados na primeira metade do XIX. Tan só o portalón de entrada, flanqueado por senllos escudos coas armas dos Acuña, Soutomaior, Castro, Troncoso de Lira e outros, e as escaleiras de acceso ao patín brasonado, dan testemuño da existencia do antigo pazo. No lintel do portal pode lerse: “D. Pº TRº ANO 1719 LO M CER“ (DON PEDRO TRONCOSO AÑO 1719 LO MANDÓ HACER) En todo caso esta inscrición podería referirse só ao portal e a orixe da casa ser anterior pois se sabe que Pedro Troncoso y Acuña no seu primeiro matrimonio tivo dous fillos que bautizou na parroquial de San Miguel de Peitieiros en 1704 e 1705 respectivamente. A casa, como sempre acontece, foi sometida a reformas ao longo do tempo segundo acredita a lenda gravada arredor do brasón do notable patín na que se recolle a data 1790. A intervención máis agresiva, que inclúe derrubamento de lenzos da fábrica exterior, efectuouse a mediados do século XX. Actualmente as distintas partes do pazo están reunidas baixo unha mesma propiedade que vai emprender obras de restauración seguindo o trámite establecido por lei.

PictographWaypoint Altitude 180 ft
Photo ofPeto das ánimas de Piñeiro

Peto das ánimas de Piñeiro

Está parcialmente enterrado debido á elevación da cota do camiño que lle dá fronte. Este peto, mandado construír á devoción de José Mª Troncoso no ano 1852, segundo se pode ler no frontispicio do remate do nicho do retablo, conserva restos da policromía no nicho con representación das ánimas no lume presididas pola Virxe do Carme, nunha escenografía que lembra á do retablo xa citado da parroquial; pola contra, non conserva a cruz e os pináculos de remate. A representación do purgatorio está pintada directamente sobre a pedra, e ao pé, a duras penas, pódese ler: BENDITAS ÁNIMAS. Aínda mantén culto.

PictographWaypoint Altitude 246 ft
Photo ofPazo de Piñeiro

Pazo de Piñeiro

Só quedan unhas ruínas espoliadas e invadidas pola maleza da que en tempos foi a casa máis potente da parroquia e unha das principais da bisbarra. Foi fundada por Tristán de Oia na primeira metade do século XVI e tivo xurisdición civil e criminal sobre o couto de Piñeiro. Tristán faleceu en 1545 e no seu testamento entre outras moitas cousas ordena que o enterren na igrexa de San Vicente de Mañufe, onde descansaba o seu avó Álvaro de Oia, e se entregue unha “cuarterola” de aceite ás igrexas de Peitieiros, Mañufe e Gondomar. Nesta casa tamén viviu o seu descendente Gregorio de Castro e Oia, que segundo Espinosa foi capitán das forzas de Monte Real, rexedor de Baiona e alcalde da vila de Gondomar. Morreu en 1638 e no testamento que fai catro anos antes di que os seus ascendentes foran señores do couto de Moldes, en Mañufe. Un dos doce fillos que tivo con María de Carballido, nacidos entre Peitieiros e Baiona, foi Pedro de Castro, un médico e pedagogo que introduciu en Italia o ensino a xordomudos. Baiona tenlle dedicada a antiga praza da froita. Con esta casa emparentan os de la Fuente, asentados en Tui, a inicios do XVIII. A casa, moi transformada e sen aspecto de pazo, conservaba dous escudos: un no portalón e outro na fachada norte, que aínda mantén, coas armas dos Oia, Castro e Troncoso de Lira. As poucas ruínas que se manteñen inclúen, ademais dun tradicional patio pechado por muros de granito no que conviven moitas das edificacións secundarias coa casa-vivenda, unha cociña de planta baixa con paredes, pavimento, escaleiras, lareira, forno e parte do mobiliario executado todo en pedra.

PictographWaypoint Altitude 148 ft

Antiga pousa arruinada

A esta altura do percorrido, á marxe esquerda segundo camiñamos, retirada en dirección ao río e asentada entre campos de cultivo, existiu unha modesta casa de planta baixa, con portal ameado, á que a veciñanza se refería como A Pousa.

PictographWaypoint Altitude 141 ft
Photo ofMuíños da Serra Photo ofMuíños da Serra

Muíños da Serra

Así se chaman os muíños hidráulicos que se sitúan nun lugar cuxo topónimo compite e comparte territorio co de Muíños Novos, aínda ben este abranguendo unha área maior. O motivo é a existencia no lugar, a moi pouca distancia dos muíños, dun desaparecido serradoiro de madeira movido tamén mediante enerxía hidráulica obtida do mesmo río que alimenta aqueles: o que baixa de Morgadáns. Os muíños, rehabilitados con fondos parroquiais no período 2003-04, unha vez perdido o uso tradicional, funcionan como aula etnográfica e divulgativa. Os fondos parroquiais foron achegados pola Comunidade de Montes como promotora da iniciativa, que finalmente decidiron colocar unha placa conmemorativa ancorada ao muíño de abaixo a través da cal agradecen a colaboración mostrada por: Os herdeiros, a empresa Construbesa Miñor e o arquitecto da obra. Son dous exemplares dos denominados, como queda dito, de herdeiros, con cuberta a unha vertente, o de arriba, e dúas desiguais, o de abaixo, procurando acompañar a pronunciada pendente do terreo. Segundo indica o seu nome, viñeron a substituír ou complementar outros anteriores que non necesariamente haberían de estar neste mesmo sitio. Son da tipoloxía de canle e dunha moega por unidade. Só o de abaixo ten cruces de protección: tres no interior da xamba dereita e outras tantas ao seu exterior; no lintel, tombada, unha sétima. Ten un considerable atractivo a contorna de emprazamento que aos citados muíños suma a pronunciada escaleira de pedra que lles dá servizo, a fonte de dobre biqueira, o pequeno pío para lavar roupa e, fronte a eles, o cubo cilíndrico que aínda se conserva da serra ancorado ás paredes de granito da edificación.

PictographWaypoint Altitude 331 ft

Conxunto etnográfico e pintoresco do Palame

Consérvase neste punto un grupo de casas de tipoloxía tradicional, maioritariamente de granito, acompañadas de diferentes edificacións adxectivas, principalmente hórreos (coñecidos no municipio como canizos), rodeadas de campos de cultivo e viñas. É un conxunto atractivo onde a separación entre espazo privado (eidos e leiras) e espazo público (camiños e espazos de reunión) queda definida por muros de cachotaría de granito do país en seco. No centro do ámbito unha pequena praciña rural, por veces bastante descoidada, sombreada mediante varios falsos plátanos; dende ela, cando a vexetación agora incontrolada o permitía, víase a ría de Baiona e a península de Monte Real na distancia. Máis preto, a parroquial de San Miguel e os campos cultivados. Xa non.

PictographWaypoint Altitude 407 ft
Photo ofXacemento arqueolóxico do Curuto.

Xacemento arqueolóxico do Curuto.

Tamén se coñece como Monte do Castro por ser esta a razón do xacemento: un poboado fortificado. Na acrópole existe unha pequena pía tallada na rocha e uns chanzos coñecidos como "pegadas dos mouros". Esta estación arqueolóxica pode entenderse como un dos paradigmas do que non se debe facer co patrimonio. As súas terrazas foron sometidas a explanación para posteriormente construír sobre elas; a vexetación que a cobre e rodea non é, nin moito menos, a idónea e, ademais, no ámbito inmediato construíronse de xeito incontrolado vivendas unifamiliares de máis que dubidoso gusto; tan só se salva unha de formigón coloreado. Debido aos movementos de terras efectuados é usual atopar en superficie fragmentos de cerámica decorada. Neste lugar, conta a tradición, emprazouse a capela de Santa María do Crasto.

PictographWaypoint Altitude 390 ft
Photo ofPresa de regadío e fonte da Freixa

Presa de regadío e fonte da Freixa

Logo de camiñar a través das Cháns e deixar atrás o lavadoiro comunal do lugar emprazado próximo á fonte da Mina chegamos a esta da Freixa. É de biqueira e tanto fonte como presa aínda están en funcionamento se ben con intensidades moi distintas. En tanto a fonte ofrece servizo a diario, da que se serven varios veciños, a presa vai a empuxóns polo gran baixón de campos a cultivo. A presa recibe auga continua da fonte e ocasionalmente dos mananciais que existen ata O Pozo, tamén dos excedentes das presas emprazadas a partir dese punto en dirección ás faldras da Serra do Galiñeiro.

Comments  (1)

You can or this trail