Activity

4. Donas. A parroquia, con inicio e remate no Mosteiro

Download

Trail photos

Photo of4. Donas. A parroquia, con inicio e remate no Mosteiro Photo of4. Donas. A parroquia, con inicio e remate no Mosteiro Photo of4. Donas. A parroquia, con inicio e remate no Mosteiro

Author

Trail stats

Distance
2.35 mi
Elevation gain
282 ft
Technical difficulty
Easy
Elevation loss
282 ft
Max elevation
471 ft
TrailRank 
27
Min elevation
151 ft
Trail type
Loop
Coordinates
61
Uploaded
October 9, 2018
Recorded
October 2018
Be the first to clap
Share

near Mañufe, Galicia (España)

Viewed 250 times, downloaded 16 times

Trail photos

Photo of4. Donas. A parroquia, con inicio e remate no Mosteiro Photo of4. Donas. A parroquia, con inicio e remate no Mosteiro Photo of4. Donas. A parroquia, con inicio e remate no Mosteiro

Itinerary description

A ruta percorre algúns dos lugares máis emblemáticos dunha parroquia que tomou o seu nome da condición feminina do mosteiro beneditino que nela se fundou cando o rei Afonso VII doa en 1149 a dona Aurea Bellide (dona Orbelido segundo o profesor Gonzalo Navaza) o couto de Santa Baia no Val de Miñor, ou sexa, estas terras. A parroquia baixo advocación de Santa Baia xa existía cando isto sucedeu.
Teremos oportunidade de contemplar unha das mellores pezas do románico municipal, interesantes mostras de etnografía, camiñaremos por antigas vereas acoutadas por grosos muros de cantería e atoparémonos con hortas ateigadas de cultivos e con paisaxes insospeitadas. Tamén con xentes dispostas a axudarnos. No punto de inicio e remate toparemos o único bar existente ao longo do percorrido.

Waypoints

PictographReligious site Altitude 204 ft
Photo ofIgrexa románica e restos da Casa Acevedo.

Igrexa románica e restos da Casa Acevedo.

Igrexa románica. É o único que se conserva do mosteiro fundado a mediados do século XII e abandonado a finais do XV, cando as monxas da orde beneditina se concentran en San Paio de Antealtares, en Compostela. Este mosteiro foi o que deu topónimo ao barrio e a súa condición feminina á parroquia. A primitiva igrexa foi de planta rectangular, dunha nave, con ábsida tamén rectangular. Logo, co paso do tempo, sufriría adicións. A nave en orixe tiña tres accesos: o principal e dous secundarios máis sinxelos e pequenos, actualmente tapiados, de probable comunicación co resto de dependencias do mosteiro na fachada meridional. Así mesmo, posuía seis ventás tipo seteira das que só se conservan cinco. Todas presentan derramo ao interior e rematan en arco de medio punto en aresta viva que apoia en dúas columnas cilíndricas monolíticas e lisas. Estas posúen bases de perfil ático, con poutas, e capiteis decorados con vexetación diversa agás tres historiados. Tamén a ábsida está dotada de iluminación natural a través doutras dúas seteiras en orixe similares ás anteriores, que non manteñen a proposta inicial. Ambas as dúas están entre senllas columnas entregas sobre as que descargan dous arcos faixóns ou perpiaños. Os capiteis correspondentes ao par occidental están barbaramente rasurados en tanto os dous orientais manteñen escultura historiada. No do norte aprécianse catro figuras que de esquerda a dereita poden describirse do xeito seguinte: un personaxe sentado cun libro aberto, outros dos personaxes, quizais tamén sentados, agarrando algo conxuntamente ou agarrándose entre si e, o último, un anxo coas ás abertas ao tempo que fai unha xenuflexión. O do sur presenta outras catro figuras: no centro aparece a Virxe co Neno no brazo esquerdo en tanto co dereito efectúa acción de bendicir, xesto que repite o neno; a ambos os lados cadansúa figura de longas vestimentas sosteñen a túnica da Virxe. Esta escultura dátase como do terceiro cuarto do século XII. Para finalizar a descrición da ábsida, mencionar que o teito foi resolto mediante bóveda granítica de canón, algo peraltada, sobre os arcos faixóns xa citados. Exteriormente a fábrica pétrea preséntase lisa sendo o punto de máximo interese a portada occidental. Compóñena tres arquivoltas en arco semicircular decorado, sobre dous pares de columnas as exteriores e sobre xambas a interior. O tímpano, formado por cinco doelas, presenta chafrán con bólas e carga sobre lintel liso. As columnas, todas cilíndricas lisas e monolíticas, son acaroadas con capiteis e bases entregas, estas de perfil ático e plinto decorado e aqueles con escultura vexetal (tres) ou historiada (un). Interiormente a portada mostra dúas arquivoltas. Toda a escultura aplicada esta moi erosionada. Os canzorros e cornixa románica, tanto da nave coma da ábsida, desapareceron con motivo das varias reformas ás que foi sometida a igrexa. Parte dos canzorros orixinais, tras unha casual localización de 24 unidades no Museo Diocesano de Tui, están instalados a xeito de testemuño nun muro lateral da nave. Como xa se dixo, a igrexa sufriu diversas modificacións ao longo do tempo, algo bastante habitual, sendo as de maior calado as efectuadas a partir do XVIII, despois de desvincularse do mosteiro. Entre elas cabe destacar a ampliación que sufriu na fachada norte a finais do XVIII ou inicios do XIX co fin de emprazar a sancristía e, seguramente en paralelo, unha nova capela, a do Cristo. A execución destas obras levou aparellada a apertura dunha porta no muro lateral do presbiterio, o tapiado dunha das ventás da ábsida e a apertura dun gran van baixo arco semicircular na parede da nave coa conseguinte mutilación da liña de impostas e a desaparición dunha seteira. A sancristía e a capela están teitadas con bóveda de canón en pedra e na primeira consérvase unha curiosa almofía granítica. De finais do XVIII tamén deben proceder o muro piñón de remate da fachada occidental e a torre-campanario levantada sobre a aresta noroeste. Restos da casa Acevedo. Sábese que a mediados do XVI todas as dependencias do mosteiro seguían en mans do Cabido da Catedral de Tui, non obstante descoñécese cando e a quen foron vendidas posteriormente, excepto a igrexa. A casa de Acevedo é fundada, segundo dicir de Espinosa Rodríguez, sobre os restos do antigo mosteiro situados a sur da igrexa. Constrúea D. Jorge de Acevedo, quen a converterá en cabeza de morgado no ano 1692. A casa, de traza esencialmente lineal na dirección leste-oeste, mantívose agrupada e gardou criterio de unidade arquitectónica ata que a partir de 1841, en pleno Estado Liberal, coa abolición definitiva da lei de morgados, divídese a propiedade. A repartición da casa e terreo entre os distintos herdeiros fai que se acomode cada unha das partes ás necesidades de vivenda completa, feito que transforma totalmente a morfoloxía da obra inicial. Ademais, ao longo da segunda metade do XIX e todo o XX prodúcense mutilacións e ampliacións que converten en irrecoñecible a peza orixinal. Hoxe, na parte máis arruinada, aínda se pode ver parte do antigo corredor pétreo sobre columnas da fachada norte, tras o muro que a separa da igrexa, e na fachada sur restos dun patín de acceso a unha desaparecida solaina e un arco apuntado que servía de entrada ao paso que atravesaba a casa de sur a norte a nivel de planta baixa. Igual sorte correron as terras que a rodeaban.

PictographWaypoint Altitude 177 ft
Photo ofCamiño tradicional.

Camiño tradicional.

Este foi o único acceso para chegar á igrexa dende os barrios do norte da parroquia ata que se abriu o actual asfaltado atravesando o barrio do Souto. A vía coñécese como Camiño da Igrexa e durante o verán é usual atoparse coa auga canalizada que seguindo o seu curso se dirixe aos inmediatos campos de millo.

PictographWaypoint Altitude 182 ft
Photo ofSouto polas Laxes.

Souto polas Laxes.

Terreos delimitados por distintos muros entre os que sobresae un pequeno tramo conservado de peche tradicional, de non moita altura e uns sesenta centímetros de espesor, executado en cachotaría de granito país combinado coa pedra propia de Borreiros e Donas, material que en forma de "pastas" se utiliza para rematar, "testar”, o citado peche. Nestes terreos das Laxes repoboouse con vexetación en altura, árbores, entre os que abunda o eucalipto pero, non obstante, destaca a tradicional presenza de castiñeiros. En Galicia a unha masa forestal de castiñeiros chámaselle "souto".

PictographWaypoint Altitude 244 ft

Sede da asociación Espazo Lectura.

É esta unha asociación multipremiada que ten como principal obxectivo difundir o enriquecedor hábito da lectura.

PictographWaypoint Altitude 256 ft
Photo ofCasa do Alcóucer.

Casa do Alcóucer.

É a terceira na escala, despois da Casa de Acevedo e a Casa da Inquisición, entre as "casas grandes" que existiron na parroquia durante o Antigo Réxime. Está documentado que en 1681 xa existía aquí unha casa, non sabemos se morfoloxicamente igual, probablemente non, da que eran propietarios o matrimonio de labradores formado por D. Juan do Cotro e D.ª Isabel Alonso. A cousa é que a casa debeu prosperar economicamente e rematou por emparentar coa Casa da Inquisición, casa forte emprazada no barrio do Pereiro desta parroquia.

PictographWaypoint Altitude 270 ft
Photo ofEdificación do XVIII. Hórreo de interese.

Edificación do XVIII. Hórreo de interese.

Pequeno grupo de edificacións no barrio da Nogueira, que vistas con detemento presentan algúns elementos arquitectónicos demostrativos de certa solvencia económica da propiedade no pasado. Entre estes destacan a cornixa pétrea da casa, coñecida como a de María Claudino, e a tamén cornixa dunha pequena edificación adxectiva e o lintel rotulado da mesma, que a data no século XVIII. Pero a peza máis característica do grupo é o canizo pertencente á casa. É da tipoloxía Morrazo, a máis sofisticada e artisticamente importante entre as existentes en Galicia sur. Esta tipoloxía só se diferenza do tipo Pontevedra no material constituínte: unicamente utiliza a pedra de granito. No caso que nos ocupa é de destacar as doelas monolíticas que conforman os claros de ventilación e o traballo de estereotomía das mós ou tornarratos.

PictographWaypoint Altitude 275 ft

A Barcalla.

En moitas ocasións á casa rural no Val de Miñor, cando se empraza inmediata a un camiño, antecédelle un patio pechado por muro de pedra co correspondente portalón. No lintel dese portal pode aparecer unha cruz exenta, soa ou entre outros motivos, ou algunha lenda. É o que acontece con algúns deste núcleo de nome único en Galicia: A Barcalla. Nun lese: AÑO DE 1887. Noutro: AÑO Đ MDCCCXXXXII.

PictographWaypoint Altitude 292 ft

Lavadoiro comunal.

Este tipo de pezas públicas ou comunais foi de grande importancia nun tempo no que a roupa se lavaba a man. Ademais da función citada servía de punto de encontro social e transmisión de noticias entre as mulleres dos barrios próximos; elas eran as que se encargaban desa tarefa, e doutras moitas. Algúns protexíanse dos axentes atmosféricos mediante cuberta de tella curva asentada sobre estrutura de madeira e esta, á súa vez, apoiada en piares ou columnas de pedra. A cubrición está executada en chapa de aceiro pintada. Este lavadoiro, que forma grupo coa antiga fonte da Barcalla, foi mandado construír por Madalena Domínguez no ano 1927 segundo consta rotulado no lenzo pétreo que preside o conxunto á altura do camiño. Hoxe está sen uso.

PictographWaypoint Altitude 338 ft

Camiño do Aciquelo da Baixo.

Fermosa presenza ambiental a que ofrece a primeira metade desta verea que conduce ao Aciquelo, en Borreiros, e por unha variante ao barrio do Cruceiro, en Donas. Desenvólvese entre muros de cachotaría de granito, vellas e tradicionais edificacións reladas polo tempo e diversa vexetación autóctona entre a que sobresae a abundancia e tamaño dos loureiros se ben tamén aparece o omnipresente eucalipto. Os de Aciquelo chámanlle Camiño da Barcalla. Un paseo evocador que, para efectualo, obriga a desviarse minimamente da ruta á que despois debemos regresar.

PictographWaypoint Altitude 333 ft
Photo ofVistas panorámicas

Vistas panorámicas

Dende este punto do camiño pódese contemplar unha panorámica da Serra do Galiñeiro, monte mítico entre os do Val de Miñor. Tamén hai unha aceptable vista das Escolas Pro-Val, antigas Hispano-Americanas promovidas, construídas e inauguradas en 1914 por indianos do Val de Miñor, aqueles emigrados a terras americanas que acadaron riquezas.

PictographWaypoint Altitude 505 ft
Photo ofVistas panorámicas.

Vistas panorámicas.

A pouco de empezar a subir a Costa do Chosco desviámonos por unha senda, onde os depósitos de auga parroquial, obtendo dende esta zona alta espléndidas vistas sobre parte de Donas e Mañufe, na proximidade, máis alá Gondomar e Vilaza e para rematar parte das parroquias de Vincios, Chaín, Morgadáns e Peitieiros coroadas pola Serra do Galiñeiro. Despois un paseo a través do bosque ateigado de piñeiros lévanos ao cemiterio parroquial.

PictographWaypoint Altitude 311 ft

Cemiterio do Mosteiro.

Este é o principal cemiterio hixienista da parroquia que veu substituír os enterramentos que dende o medievo se facían no adro e interior da parroquial. Trátase dun recinto rectangular e valado por muro de pedra de granito colocado nun lugar alto e ben ventilado tal e como recollía a lexislación que sobre este tipo de novos recintos fora aparecendo dende que Carlos III no ano 1787, ao amparo da Ilustración, expedise a “Real Cédula para restablecer el uso de Cementerios ventilados para sepultar los Cadáveres de los Fieles”. No interior conserva un cruceiro novo, que substitúe outro anterior, ante o que aparece unha mesa-pousadoiro na que ata non hai moito se facía descansar o ataúde para rezarlle un responso ao defunto antes de sepultalo. O recinto rematouse en 1926 e dous anos despois sumóuselle un pequeno apéndice.

PictographWaypoint Altitude 236 ft
Photo ofCalvario do Mosteiro.

Calvario do Mosteiro.

O Calvario do Mosteiro é o segundo máis importante do municipio gondomarés e un dos poucos que existen no Val de Miñor. Formou parte dun desaparecido viacrucis do que apenas quedan restos no adro da parroquial e a súa existencia está constatada xa no século XVIII segundo confirman documentos do arquivo da antiga casa de Acevedo. Trátase de tres cruces altas, con dominio da central, asentadas sobre pedestal e este, á súa vez, sobre plataforma. É de destacar o recinto valado no que se emprazan, executado para conseguir un espazo horizontal.

PictographWaypoint Altitude 236 ft

Sede da extinta Sociedade de Agricultores.

PictographWaypoint Altitude 226 ft

Carreiro etnográfico cara á Mangarela.

O carreiro é o máis humilde dos camiños do rural galego. É para uso peonil. Este da Nogueira, chamado "da Vicentiña", é moi particular porque ao feito da estreiteza acoutada por muros de granito de mediana altura, o que lle confire unhas características espaciais só aprehensibles se se transita, súmase a peculiaridade do leito de tránsito. O ancho total está pensado e resolto para dar paso a persoas ao tempo que tamén o fai a auga para regadío. Aquelas a través dun lousado de granito que ocupa a metade do ancho. Esta mediante un rego, hoxe cuberto de terra pola perda do uso, que abrangue a outra metade. Unha sinxela pero enxeñosa obra de etnografía, como sempre acontece coa arquitectura vernácula.

Comments

    You can or this trail